lunes, 5 de enero de 2015

ALTERARTE TEENAGE


Alterarte é ‘outra arte’. De alter, outro, do latín, idioma tradicional da Universidade e os seus alumni por moitos séculos. Nel escribiron todos, Tertuliano, Bacon, Descartes, Copérnico, Newton..., ata o século XX, grosso modo. O idioma na Universidade Sur, Vigo-Pontevedra e Ourense, unha das Taifas do antigo califato universitario de Galicia, é un, mais o da arte de Alterarte é outro. Como non podía ser doutro xeito.

Nacido no ronsel da Facultade de Belas Artes, que fixo 25 anos a finais de 2014, xurde o proxecto de Alterarte en outubro de 2004. 

Dende esta data está a ser un escaparate para os novos artistas galegos e, agora, coa retrospectiva expositiva Dez Anos / Teenage botan a vista atrás para amosarnos que o sendeiro iniciado xa é un vieiro, pois hai unha traxectoria. Tres vicerreitores, varios directores de sala e moitos comisarios, con un coordinador de exposicións, a roda que xira, mais a idea perdura a través dunha programación ininterrompida de propostas.


Ata 2007 foi o profesor Xosé Manuel Buxán o responsable, quen volve a ser o director dende 2010, e no intermezzo o artista Ignacio García Gómez del valle: eis o paso das mostras individuais da arte galega máis nova, aos artistas e colectivos de aquí e de fóra máis experimentais, ata a proposta que agora conclúe dun comisariado externo e dun artista, ou dous, como na recente exposición da sala do Campus.

I. García, falando, e X.M. Buxán na inauguración
A apertura deste cara a cidade, eliminando o valado de aceiro cortén cando o Vicerreitor Mazaira, está a ser semellante no caso que nos ocupa, aínda que paga a pena unha maior difusión dende a propia inauguración das exposicións, pois semellan convocatorias para sectarias minorías, pola concorrencia que adoita estar... 




A exposición do duplo lustro xurde da colección que a Universidade deu en reunir coa obra que cada artista doou, tras do seu paso, e que os comisarios explican en tres eixos temáticos: o corpo, á entrada, onde vai o bosquexo de D. Ramón Otero Pedrayo en bronce que Manolo de Buciños regalou, e o botixo / Franco (‘Pantanos’) de Xoan Torres, que explicitan a enerxía creativa, e transgresión, da idea. O sentimento polo territorio concrétao o poético José Paz cunha expresiva composición de ourizos abertos no tronco dun espazo natural, e os paxaros sen cabeza, pintura de Jorge Perianes. Fronte deles, o gran Xulio Gil, fotógrafo de fondo alento -o primeiro en amosar a súa obra nun museo-, ofrece un petróglifo xeométrico-matemático da súa celebrada 'capela dos arcos', da que desfrutamos en 2010..., e que tanto interesou na inauguración.

Na foto de Eliaz o Vicepresidente da Deputación, o Vicerrector e o Alcalde, tentan ler o petróglifo...
Así presentou Xulio Gil a súa Capela dos Arcos en Alterarte. A pezxa central da parede foi a que regalou...

Mérito é a mestura amosada polos organizadores pois Edu Valiña vai no piso superior con seus aneis de prata e espiñas, varianza das formas abstractas dos creadores de suxestivos vídeos, mentres que un deste mundo, Rosendo Cid, vai abaixo coas súas efémeras composicións fotografadas, e Acisclo Novo no comezo da escaleira coa súa caixa de luz anunciando ‘Utopía’. Eis, nas palabras de Buxán, “amosar os froitos artísticos dese traballo pertinaz e continuado a prol da creación artística, galega, española e internacional”.


E presentalo con coherencia, engadimos nós. Salientemos a presencia dun discurso distinto na cidade dende a arte de Alterarte, con unha colección que prestixia as persoas e a idea. A Era de Acuario que comeza...


No hay comentarios:

Publicar un comentario