martes, 14 de abril de 2015

COVADONGA BARREIRO, EN ALTERARTE




Artigo semanal en La Región
ARTE ET ALIA. XABIER LIMIA DE GARDÓN



Elegancia e fondura nunha exposición dende as sotilezas, onde a sensibilidade se expresa nunha melodía visual para desaparecer dentro. Eis como unha maxia que a artista Covadonga Barreiro pon ao noso dispor na sala de arte do Campus da UVigo. Aquí, en Alterarte, no leste da cidade, hai unha exposición distinta, en verdade, dende a fotografía como técnica. A autora amósanos as fotos retro-iluminadas, dispostas en caixas de luz, nesta pequena e rectangular sala sen porta mergullada ad hoc nunha axeitada penumbra introspectiva. Fóra da sala, fóra do edificio, o mundo coa luz do día, é outro. No interior en craro-escuro, con puntos de luz ambientais, as imaxes semellan luz; e nós, ao achegarmos, nos vemos reflexados nos cristais das caixas. O efémero do momento. Dende a entrada do exiguo espazo as nosas miradas van cara a parede do fondo, onde brilan cinco velas acesas sobor da palabra ‘ocaso’. Pouco a pouco, a modiño, vanse apagando..., e así tamén a vida, un devalar. Ou de súpeto: non temos máis que matar a enerxía do proxector, que é o aparello que transporta a filmación á parede. Na parede fronteira, vai un poema do gran Jorge Luís Borges: Afterglow, o serán, ou solpor, por mellor dicir. Velaquí unha das craves. Impreso a gran formato, o texto do escritor arxentino bonaerense comeza por sinalar unha evidencia: ‘Siempre es conmovedor el ocaso’, mais que apenas captan os espíritos sensibles, máis aínda o do ‘brillo desesperado y final... cuando el último sol se ha hundido’. Velaquí o aceno, ou mastro desta coidada exposición.



A culta raizame da xoven artista que utiliza a linguaxe fotográfica para amosar micro-paisaxes de apartamento con prantas nas fiestras, que se explicita nos seis grupos que conforman o discurso: Atardecer en Macondo, Posta de sol en Barataria, Cae a noite sobre Babel, Despedir o día en Amaurota, Derradeiros raios de sol en Arcadia e Escurece nas ciudades invisibles


Dende o Macondo inventado por Gª Márquez en ‘Cien años de soledad’ ata Italo Calvino, e Amaurota, unha das cidades ideais de Utopía, ou a insua Barataria no Don Quixote, con Cervantes de testemuña...

Mª Covadonga Barreiro Rodríguez-Moldes (1983, Ares, A Coruña) está recén doutorada en 2012 con unha tese dirixida pola Dra. Yolanda Herranz, a súa mentora, e comisaria desta exposición. Do nivel do seu traballo son os premios, o Extraordinario de Doutorado, o Provincial á Investigación da Deputación de Pontevedra, e o da Xunta de Galicia. Mais xa con vinte cinco anos, en 2008, acadou en Ourense o primeiro do VIIº certame internacional de artes plásticas da Deputación, con unha gran fotografía dixital estampada en lona, cartos que a axudaron no seu camiñar... Ten participado en colectivas, Novos Valores (Pontevedra), Rosas y corazones (A Coruña), ou Memoria intermitente, conversas dende a ruína, no Liceo de Noia. Así, con esta esplendente alfaia plástica ponse o ramo do proxecto expositivo ‘Estado Crítico 2’, idea e proxecto do profesor Xosé M. Buxán. 





Na atmosfera acadada pola artista, as areas do tempo tralas celosías, no transcorrer da vida.


No hay comentarios:

Publicar un comentario