sábado, 20 de junio de 2015

VEIRAS, FRORES E PAISAXES


                                Xabier Limia de Gardón
                              [en La Región, Arte et Alia]



Veiras, unha pintora e as súas frores. Elas foron, e aínda o son, en certa medida, o seu tema referencial. Así tamén as camelias para o pintor vigués Alex Vázquez-Palacios. E no horizonte está Van Gogh, e os mirasoles, que son para moitos o máis decantado do gran artista holandés. Das hortensias ás rosas, pintadas con óleo e paixón con intenso cromatismo, Lola Veiras (Bouzas/ Vilamarín), pasou ás paisaxes, expresión dun espírito que entende a natureza como un regalo que hai que presentar fermoso, e en harmonía. O seu é un expresionismo intuitivo, como se aprecia nas augas do mar, con rica flora de algas e argazos, medusas, e peces de acuario, mundo de cores no que transmite o desexo dunha vida de tranquilidade e tamén de silencio, ese necesario equilibrio no remuíño dos días. Outra é a faciana de Veiras, de profesión o mobiliario dos interiores das vivendas, mais nesta actividade empresarial entra todo un mundo decorativo, no que as telas e os bibelots, as lámpadas e mailos estucos conforman un cosmos de sensacións, expresión do gusto e inquedanzas dos clientes. Neste mundo tan persoal é onde comeza a integrar as súas primeiras obras pictóricas. Dende o barrio do Vinteún á Avenida da Habana.

Entraba así coas súas obras, fai unha década, no Museo Municipal, na significada rúa de Lepanto, onde regresa agora con ‘Anacos de vida’. Ata daquela tiña pendurado as súas obras no Centro Cultural da Deputación, e visitado as salas institucionais da Xunta en Ourense (que era a do Ateneo, na Torre) e Pontevedra, dentro do proxecto ‘Os nosos artistas’. Logo foi á da Casa de Galicia en Madrid. As máis recentes teñen sido a de Valladolid, na Galería Orejudo Decó, e a do Ateneo ourensán, na súa nova ubicación no Club de Tenis. 


Nestes anos ten ido abrindo o seu abano temático, tal a paisaxe dende o fragmento, recurso no que destacou Mané Boán, artista con química de Vilanova dos Infantes. Veiras escolle os troncos das árbores, bosque imaxinario ou real, motivo que lle serve para crear un ritmo paralelo de cores. No chan un denso manto vexetal en ‘horror vacui’, que é outra das súas características. O seu é un sentimento de raizame vitalista, dende a harmonía tonal das cores. 


A súa paleta faise máis matizada, con un preciso debuxo, nos súas paisaxes animadas coa presenza humana: cóntanos así historias dende a inspiración dos artistas que lle apaixonan, unha inxenuidade naíf vintage doutro tempo. Este é tamén o da auga das mariñas de abruptos cantís nas soleadas tardes de verán, ou os significados nocturnos, en branco e negro. En todos a auga está sempre moi presente, quizais desde as lembranzas de nena co seu pai polos camiños de Bouzas e Tamallancos, encharcados e cheos de inverno. Outra das follas do seu abano plástico é o da abstracción, superficies planas que son espazos de liberdade interior, e territorios do mundo dos sonos.
  


                                      En Auria, primavera e verán.

No hay comentarios:

Publicar un comentario