domingo, 12 de julio de 2015

ABANO DE ARTE NO VERÁN

'Finis Terre' de Marta Moreiras
ARTE ET ALIA
Xabier Limia de Gardón
Co cambio de estación chegou san Xoán, as sardiñas pingan no pan, e as salas de arte da cidade comezan a súa programación de estío. Como nós. Mais antes de despedirmos dos que nos len, ata finais de agosto, queremos facerlles diversas propostas de visita ao elenco de exposicións, co consello de facelas de vagariño. Na radio escóitase Meno Ektos, da grande Eleftheria Arvanithaki, con Ara Dinkjan..., melodía coa que lles invitamos a pasar, se non o fixeron aínda, pola Galería de Arte Marisa Marimón, que ata o 24 amosa ‘Cándida Standwich. La Vie sans l'air’ de Pilar Alonso; e no Centro Cultural da Deputación Finis Terre da fotógrafa Marta Moreiras. De ámbalas dúas temos comentado nas pasadas citas. Nesta última institución está ‘Unha porta do Rial’, inaugurada fai uns días, pintura de Ehlaba Carballo de Dios, de Xunqueira de Espadanedo, e fotografía dixital de Riobó Prada. O título é dun lugariño de Maceda apenas xa sen xente. Luminosa.

‘Doce Balas’, de 'Radu'
Na súa sala principal, está a terceira mostra, ‘Doce Balas’, do compostelán ‘Radu’, esculturas que sorprenden polo material empregado, papeis impresos, cartonaxes, plástico e luces de neon, cos que conforma figuras humanas e de animais, e tamén polas doses de humor e surrealismo nos títulos (Pirata con polbo, Esperándote Amanda, Cadeira RIP ou o Vendedor de luz).


Outra exposición que sorprenderá é a da sala Alterarte, no Campus universitario das Lagoas, máis que nada pola temática sexual e de autoerotismo:’2009-2014.jpg’, do alacantino Javi Moreno. Debuxos explícitos a lapis sobre papel, mera escusa para reivindicar o orgullo LGBT (lesbiana, gay, bisexual e transexual), conmemoración anual que foi esta pasada fin de semana. Son formas humanas que xa non existen, polas datas en que se fixeron. Tales tamén as do "Ourense imaxinado", no Centro Municipal Jº Ángel Valente, máis doutro xeito, pois son unha visión do Ourense dos pasados cen anos a través de dez proxectos. A exposición artéllase baixo a foto aérea do lucernario central en tres seccións: os Equipamentos (1913-1949) edificios proxectados que deixaron pouso nunha idea de cidade compacta, caso do Gran Balneario, nas Burgas; a Expansión (1947-1961), cos proxectos da expansión da cidade cara Canedo, o Plan Parcial das Lagoas e a Ronda Bulevar; e a Modernización (1967-2010), coa arquitectura industrializada do Colexio-Residencia, e a aproximación cara os nosos ríos, Barbaña, ante todo, a reivindicar sen complexos, o Miño, e mailo Loña.


Fora da cidade podemos achegarmos á vila de Xinzo de Limia, onde se organiza entre o 5 e o 12 deste mes o I Certame de pintura mural Matrioska, actividade novidosa na que artistas nacionais e internacionais pintarán nas paredes medianeiras de sete edificios. A visita á Casa-Obradoiro da Pousa de Santa Leocadia (Taboadela) dun referente escultórico ourensán Xosé Cid, para contemplar ‘Diálogos figurados’ deixaralles pouso polas obras inseridas no amplo xardín da finca. O artista amosa nunca casa as súas novas obras de mármore, bronce, e algunha vistosa madeira patinada. Con el vai de novo seu fillo Rosendo, artista conceptual, que presenta colaxes, principalmente. Como antes fixeran no Museo Municipal, entón nun andar cada un, repiten o de fai tres anos aquí, logo da boa experiencia. Unha elegante exposición chea de suxestións esta que os dous artistas presentan arredor da figura humana, base da vida.

'Diálogos Figurados': Aquí  Xosé Cid, no fondo Rosendo C.
Raúl Diniz, artista brasileiro de Sao Paulo residente en Allariz é a proposta da Galería Visol. Cores cálidas dende debuxos planos. E no Municipal inaugura o xoves próximo Xosé G. Rivada, verinense que reside en Vigo. Dende o catálogo de ‘Pensamentos fuxidos’, amosa formas figurativas e abstractas de esculto-pintura, expresionismo matérico. Dinatá Dinatá, da Arvanitakis, sona agora. Antes, fixérano Alkistis Tropolsalti e Haris Alexiou...


No hay comentarios:

Publicar un comentario