miércoles, 9 de diciembre de 2015

NA POUSA, CO ESCULTOR XOSÉ CID


ARTE ET ALIA.
O artigo en La Región, 7 de Diciembre.
XABIER LIMIA DE GARDÓN


Hai un aire de silencio no exterior da Casa-Taller. Co punto xusto de néboa para manter a humidade da vida. Nas gotas da herba parecía verse a lúa. Dentro, con Xosé Cid, un sol frai brilar a herba do xardín, habitado por seres broncíneos, neste verán de outono que parece non ter fin. Entramos co mestre escultor, para ver a súa obra, na exposición ‘Diálogos Figurados’ que está a amosar dende o verán na Pousa /Taboadela, nos arredores da cidade capital. Unha gran escultura deitada, de madeira, recíbenos. Aos seus pés un torso en mármore. Ámbolos semellan flotar, suspendidos, dende os soportes, nun sentir de levitación. O bronce está presente tamén, mais é a mármore, nunha elegante peza de tamaño medio, a que expresa o espíritu dende os corpos que sinten, unidos polas cadeiras, que terá presente o íntimo daquela comunicación amosada por Rodin no Bico.

A Peza-estrela do cartel da expo

No cuarto lateral están as obras de Rosendo (Ourense, 1974), Licenciado en Belas Artes na UVigo, con collaxes, que ten ido mudando dende a inauguración. Dende obras canónicas de pintura, Giorgione, Goya ou Manet, entre outros, busca relacións entre elas, un fio de Ariadna que as leve dende o seu maxín cara a expresión dunha idea. En ocasións achegase á complementariedade, noutros casos superpoñéndoas. Unha lámina sólida, de cor, ou máis transparente, oculta á imaxe de base, para que apareza así coa nova composición, orgánica de fondo, xeométrica en superficie o contraste. Aquí estivo o seu recente libro ‘365 maneras de estar en el mundo’.



O primeiro andar da casa é onde a exposición ten pulso e impulso de seu coas obras de ámbolos dous en diálogo: Rosendo coas búsquedas por oposición, suxestións dende as imaxes-poema de Joan Brossa, un dos seus referentes, como tamén Vostell.






Xosé presenta outras esculturas, algunha con forma de agulla ou fuso; e outra gran figura feminina deitada, flotando con elegante languidez, con unha nova pátina que traballa nos últimos tempos, en interacción con unha peza marmórea.



Completan o conxunto dúas obras que forman parte do canon do mestre: unha parella, e unha familia, de bronce, esta en relevo. A concreción iconográfica desta imaxe, con perfís que teñen algo de ballet, podería pasar do mundo secular ao da imaxe de culto eclesial, mutatis mutandis, pola acaída expresión conceptual.

Neste ámeto, en que moitas das imaxes apenas comunican coa espiritualidade das xentes, as búsquedas significativas dende o aparato poderían tentar recuperar a relación co seu tempo, demorado dende fai demasiadas décadas.


No taller


Finalmente no espazo privilexiado, o obradoiro do mestre Cid, cos obras máis recentes, así a figura de muller reclinada, Atenea rediviva dende a mármore. No amplo cuarto de outas luces respirase doutro xeito, e síntese a suor do traballo en silencio, coa proximidade do forno. 



Vimos aquí o resultado de proxectos, os restos de diversas fundicións, un mundo de realidades e tamén sonos, algún deles compartidos dende as ideas, con sorpresas como o da alba da Ourensanía, gran relevo. 

Xosé e mailo seu fillo artista, Rosendo, en harmonía, en suma, nunha exposición pedagóxica que podería amosarse con algún material para visitas, escolares e de maiores. Nelo debería implicarse o Concello onde se ubica o casa-taller, e tamén os poderes públicos da Deputación, gabanza de seu para a arte provincial e de Galicia.

Coa calma debida.

No hay comentarios:

Publicar un comentario