martes, 18 de octubre de 2016

Rosendo Cid, na fisterra de papel e auga...



XABIER LIMIA DE GARDÓN. 
ARTE ET ALIA.


No baixo da tenda comercial de Roberto Verino, rúa do Paseo, ten o empresario e deseñador de moda un ‘Espacio de arte’ dende fai un tempo. Aquí amosa Rosendo Cid, artista do papel, os seus collages. Son estas obras de pequeno formato, que ensambla con precisión e técnica dende fai anos, un xeito de facer biografía querenciosa das súas escollas selectivas da historia da arte. A ela acode para facer as súas harmoniosas composicións, ao modo dos ‘cadáveres exquisitos’ surrealistas, tirando de conexión cultural, dende o psicolóxico.

Da serie "Yo, que tantas pinturas he intentado ser"...

E aínda que é un traballo persoal non o fai só pois son dous dun tempo a esta parte: Rosendo e Roberto Torres, alter ego seu. Algo así como o seu admirado Duchamp / Rose Sélavy, ao lonxe. Aquil naceu fai un par de anos co gallo dunha exposición colectiva, ‘Todo arte es falso hasta que se demuestre lo contrario’, que il mesmo monta na Galería 22 de Logroño con amigos do seu redor, algúns deles artistas, e todos con nomes falsos... E agora, tirando do fío, está a piques de sair do prelo ‘El hombre que rayaba periódicos’ con frases - ocorrencias, que firma como 'Eduardo Torres'... Aquela é unha fina liña na que o humor e a impostura andan preto, nunha maneira de facer que foi tese fai cen anos, e que agora semella retranca, mais que podería chegar a ser alomenos ‘jocoseria’, ou quizais algo máis.



Os quince collages do ‘Verino space art’, como tamén se podería denominar, son obras de dúas series distintas, “Las líneas paralelas nunca se encuentran”, que inaugurara na Galería Metro de Santiago, coa que traballa, a comezos de ano, e que daquela acompañou con unha edición limitada de 25 caixas con seis collages inéditos que non se amosaron na mostra. A miniaturización da proposta, en 10x10 cm, da paso á outra serie, que titula "Yo, que tantas pinturas he intentado ser", na que deixa ver motivos dun proceso no que está dende fai anos, e que lle costa pechar. A súa presenza no panorama artístico da cidade resulta sempre suxestiva polo que supón precisamente de xogo e seriedade, e non a partes iguais precisamente, o que é agradecer. Esta mostra nolo achega á cidade de novo, pois dende 2011 non expoñía aquí.

Dúas obras de “Las líneas paralelas nunca se encuentran”, na Galería Metro, Santiago, da mesma liña da historia da arte que a outra serie.

As súas recentes presenzas artísticas teñen pasado por "La pintura tiene el tamaño de nuestras preguntas", interesante proposta da singular Galería Circular de Allariz, fai uns meses, con carpetas numeradas das obras, pasando por ‘El arte dice cosas sin explicar nada’ (Piso Dos, Pontevedra) e a ‘L’esprit de l’escalier’, un proxecto específico para o Centro Galego de Arte Contemporánea, nun difícil espazo do edificio museístico, que non sala, ámbalas dúas de 2015. E o seu libro ‘365 maneras de estar en el mundo’, con un debuxo por día, editado por Duen de Bux, obra coa que se relaciona ‘365 maneras de estar en una habitación’ para o proxecto Cuarto Público, 3ª edición, no Hotel NH Collection de Compostela, que foi galardoada co Premio Xunta de Galicia.

No hay comentarios:

Publicar un comentario