lunes, 26 de diciembre de 2016

As Antolóxicas retrospectivas de Prego da súa conmemoración natal


Xabier Limia de Gardón.
Velaquí o artigo na web de La Región
Arte et Alia


Co gallo dos cen anos do nacemento de Manuel Prego de Oliver quixo o concello de Ourense conmemorar dun xeito especial a este artista, un dos máis sobranceiros da súa historia. E así como xurde ‘Prego 100Anos’, un proxecto de cidade con tres exposicións simultáneas, que aboia no mes de setembro recente pasado e rematará en xaneiro de 2017, pasadas as festas de Reises, con dúas das mostras aínda en carteleira.




Hai en Ourense unha exposición que son dúas, e foron tres..., dedicadas a Prego de Oliver (1915-1986). Dende elas pódese albiscar a ampla traxectoria deste artista que plasmou dende a época da República ata a Democracia, fases sociopolíticas que son como as codias do seu pan, cuxa miga desenrolou na época da Ditadura franquista. Antes está o xermolo no territorio da infancia e adolescencia, nos anos da fase final do reinado de Alfonso XIII e a ditadura de Primo de Rivera co rei á fronte.


O convulso dos tempos, ricaz de estímulos, incluídos os da guerra, apenas deixan pegada no artista, cuxo estilo se centra no campo do figurativo e costumista, no que se asenta e que o define de seu dende uns personaxes arquetípicos, que extrae da súa paisaxe: o vello canso e esmolante, a vella activa que carga o feixe, ou a lavandeira nova no río Loña. 

Antes da concentración nos tipos individuais Prego de Oliver busca nos seus primeiros tempos de artista profesional a concreción daqueles estereotipos en pares, caso do vello cego e o lazariño, a velliña co cadelo ou os cabalos, para decantarse polo ser humano maior e calmo, que reflicte unha idea do rural co énfase no tempo doutrora. Este é tamén o dos grupos pastorais e bucólicos, nenos e nenas descalzos con frautas e ovellas, no campo. Un tema activo na súa pintura é o dos nús, transversal dende os anos corenta ata os oitenta, explosión de sexualidade, de costas ou de fronte, para clientela con perfil, dende o grupo de mulleres arredor dunha poza ata a muller soa e espida nun interior. Como o das nais mociñas co neno no colo, cos seus grandes ollos no rostro escuro, e amplos os peitos descubertos, ás veces con un canciño. Este tema novo comparte protagonismo co retrato, encargo e compromiso á vez, dende Risco na súa biblioteca, Otero Pedrayo, García-Sabell, Malingre, Ernesto Gómez del Valle,...







Mais serán os numerosos bodegóns, de peixes e cunca de viño, ata os limóns ou as peras no prato, e os floreiros, nos que pode amosar coñecemento e sensibilidade como en poucos temas, con un simbolismo dende o cotiá. E tamén nos do mar, nos que a area con plantas, algo de auga e moito ceo, son os protagonistas; e as barcas varadas na area, metáforas todos dunha vida. E como un canto espiritual, as árbores sen follas dun souto, que fala dende o silencio.


Derradeira paleta utilizada por Prego de Oliver





Esta é unha panoplia heráldica, aquí na Sala Valente, a principal das exposicións, na que hai nunha ampla mostra do artista que fixo do óleo o medio no que materializa a súa plástica, sobranceiras obras as súas dende finais dos anos sesenta ata a súa morte, que deixa unha gran pegada na burguesía, clase social que as demandaba. Aquí, neste espazo, pódense ollar os seus murais, que se proxectan na parede, o de Vigo, na Estación Marítima, os de Ourense, na Cámara de Comercio ou no Seminario Maior, entre outros.

Na sala amósase o do antigo Hotel Parque, recentemente recuperado con xenerosidade e sensibilidade pola empresa Copasa, que mercou o edificio.




Na outra sala, a do Museo Municipal, a carón da catedral, os comisarios concretan o mundo do seu “Taller: espazo de creación e materialización plástica”, que montaron na segunda planta, pois así estaba o do artista na rúa do Paseo, esquina Concordia. Aquí con tubos de pintura, pinceis e paletas, témperas e vernices, caixas de acuarelas e ceras, hai libros e obxectos que utilizaba, e debuxos para ilustrar contos de escritores que se publicaban os domingos en ABC, ou os debuxos para ‘Merlín e familia’ de Álvaro Cunqueiro.


Un nó inimitable o do mestre Prego, dende Ourense, a Atenas de Galicia. E se os contos de ‘Se o vello Sinbad volvese ás illas’ son ‘un relato dos soños que non hai’, segundo lle escribiu na dedicatoria o mestre mindoniense, nos cadros de Prego de Oliver pódese albiscar unha época que xa foi do mundo esencial da Galicia.



O RONSEL DO ARTISTA EN 'PREGO100ANOS'
                                                        



A primeira das exposicións foi “Prego de Oliver, pintor de ideas e arquetipos. Do bosquexo á obra gráfica” abriuse nas Salas de Afundación na praza maior, dende o 15 de setembro, nos derradeiros días do verán, e durou dous meses. 
A segunda centrouse no seu “Taller: espazo de creación e materialización plástica”, montada na segunda pranta do Museo Municipal, rúa Lepanto, a carón da catedral, e iniciouse xa co outono o día 23; e finalmente na Sala Municipal Valente abriuse o día 29 a exposición a gran exposición “Prego e a captación do Eterno. O óleo como materialización da súa plástica”. 





Visitas guiadas para colectivos e colexios, talleres infantís, a catalogación das súas obras a particulares, que é a primeira vez que se fai en Ourense, un documental e varias conferencias dos comisarios, o Dr. Xabier Limia e Natalia Figueiras, completan o proxecto ’Prego100Anos’ de tres meses, que rematarán en xaneiro de 2017 coa presentación dun libro no que analizarase en profundidade a vida e circunstancias vitais deste destacado artista e as súas achegas plásticas, técnicas e iconográficas.


No hay comentarios:

Publicar un comentario