domingo, 1 de octubre de 2017

Mejuteando polos espazos virtuais dos cadros duns museos




Diante 'O descendemento da cruz' de Van der Weyden. LVG.
Hai un tipo de visitantes especiais nos Museos de Belas Artes, os pintores que copian cadros. Así o temos visto, agás no de Ourense nos últimos vinte anos... algo que temos perdido por estar pechado, traxedia que apenas alcanzamos a sentir. Velázquez copiando a Tintoretto en Italia, Manet facendo o mesmo en Madrid, e o propio Parada Justel.

Vítor Mejuto, o autor da exposición do Centro Cultural da Deputación, non podería facela sen ter visitado o Museo do Prado ou o de Belas Artes de A Coruña, cidade na que traballa. Mais el non copia: mira e admira, e dende o desfrute, fai no seu taller a análise, con medios dixitais, traballándoas logo no cabalete, onde son xa súas. A artimaña de baleirar a obra retirando as figuras consegue outra percepción do espazo, con liñas e campos visuais. Así, consegue un patrón plano, para pintar capas planas de cores intensas. Mais as obras orixinais son un todo e dependen dun contexto histórico.



Tendes que achegarvos todos os amantes do xogo “ti non eres de... se non sabes que é”, que pon en marcha a memoria visual e cultural destas pinturas. Para irmos comezando, atoparedes aquí presidindo a mostra a Anunciación de Fra Angélico. A obra feita como aqueles recortables de cores da nosa infancia, ten figuras e as estruturas básicas, polo que semella fácil identificala co orixinal. E tamén a Rendición de Breda, de Velázquez.


Máis na meirande parte da exposición dende a selección dos motivos polo artista a asociación é menos doada, caso do Tránsito da Virxe de Andrea Mantegna, na que altera ademais a posición das coroas dos Apóstolos, ou o Martirio de San Felipe, de José de Ribera. Son unhas escollas caprichosas para nós, quizais menos para o artista, coas que Mejutomejutea’ e xoga. E fainos desfrutar coa intriga desde o coñecemento cultural. 






Na inauguración o gran Ánxel Huete, afastouse do grupo co que estaba para achegarse á obra inspirada en San Juan de Mata renuncia al doctorado y lo acepta luego por inspiración divina, de Vicente Carducho. Mais esta é unha peza para nota, ao xeito de Juan Ramón Jiménez, quen dixera aquelo de 'para la minoría siempre'. 





O pintor diante da sea obra baseada na Resurrección de Xto. de El Greco. LVG.
Hai outras deste tenor, caso de 'La caída de Ícaro' de Gowy, a de Van der Weyden, o rapto de Europa de Valloton ou políptico de San Antonio de Piero della Francesca, baseada no seu remate superior. 

Mais o artista actúa con nobreza ao poñerlle o seu título orixinal e autor, na procura dun diálogo co espectador dende o enxeño. Aquí é onde a exposición se transforma para os interesados espectadores.

As baseadas en El Greco e Il Tintoretto, de grande formato, son empeño excesivo, achándose o máis acaído da esencia da creatividade de Vítor Mejuto en obras menos complexas, caso o Paso da lagoa Estigia, de Patinir. Noutro territorio está o motivo xeométrico da torre de San Nicolás da Coruña, obra decimonónica de Faustino Domínguez, nunha marabillosa igrexa de Simón Rodríguez, do estilo barroco galego de placas, que pode ser un verso solto, ou algo máis...

De Gardón. Ourense, 1. de outubro.

O autor diante da súa obra baseada en Tintoretto. LVG.

No hay comentarios:

Publicar un comentario