miércoles, 18 de abril de 2018

A paisaxe como poesía visual de 'Christian' Villamide






Arte et Alia

Xabier Limia de Gardón



Achegámonos a ‘Hortus conclusus’. Son catro grandes fotografías, de árbores altas en gris, e no centro delas un tronco tronzado, poderoso e decotado, que é o protagonista da quinta.



Están no Centro Cultural da Deputación e a serie de fotos dalle título ao conxunto da mostra de ‘Christian Villamide’ (José Manuel Pérez Villamide, Lugo, 1966), quen visita de novo a cidade dende que en 1991 expuxera. Era nos seus comezos, e dende o mito do Grial e as súas sensacións, iniciaba a súa andaina na arte en Lugo, Ourense e Buenos Aires, respectivamente.

Nos seguintes dez anos continuou ata que con ‘Mutación’ detense, reiniciando a súa carreira en 2010 con ‘Vacío y plenitud’, na Galería lucense Clérigos. 


Era xa daquela a súa preocupación central a da natureza e o home, unha teima a súa en clave binaria, por máis que a presenza física directa da xente sexa obviada, amosando o artista os seus efectos na sala, na posta en escena. Aquela é sempre retórica e conceptual, utilizando metonimias e sinécdoques, segundo os casos, que funcionan como metáforas.


O seu é ser calmo e reflexivo, mais o humano e a súa contorna sempre son quen de poñelo en cuestión.




Así desde  'Percepciones', 'Dunas', 'Paisajes incógnitos', 'Hábitat protegido oculto' e 'Coexistencias', uns títulos explícitos das súas exposicións que o poñen de manifesto.


A que trae ata o primeiro andar do Marcos Valcárcel depende directamente de 'Territorios transversais' e 'A paisaxe contra a parede', de 2016, nas que semella haber unha asunción de compromiso, como se sentise unha maior responsabilidade, dende a preocupación coa terra compartida. Así con fotografías, planos, escultura en mármore e madeira, pintada en cores planas, que dispón en vizosas instalacións visuais axudándose da iluminación, para producir sombras resaltando os perfís.

Utiliza así varias disciplinas para provocar reflexión baixo unha tonalidade que ten lirismo, mais tamén un aquel de ironía, ou retranca, caso do título, que abarca as series, en concreto a de Proxectos para subir montañas, unha das últimas, e a de Serras e montes de Galicia.


Obra-instalación de Rubén Fdez. Castón:
'
Composición naturaleza mecánica x'

Aquí están os límites da súa escultura, pezas superpostas con perfís de serra, e de distintos tamaños, suxestivas dende o bricolaxe, como opinaba Jean Clair, e nas que se revela a perda progresiva do oficio dende as Vangardas históricas do século pasado, e que se ten incrementado nas últimas décadas.















É a corrente iniciada Rosalind Krauss co seu concepto de ‘escultura expandida’, na que o extremeño Rubén Fernández Castón se expresa con habilidade cando xustapón diagonais nas súas pezas en ángulo.


Outra serie son as ‘Paisaxes cautivas’, ou en catividade. 
As obras de mármore semellando tea e pezas penduradas por cables, son un fresco ar. 


E as dúas obras escultóricas de madeira suxeitas ás columnas que dividen o espazo da sala como si dun banco de carpinteiro se tratara son acaídos conceptos dun artista máis que interesante no conceptual, como tamén en 'Serendipia', mármore e cristal.







Pendurounas dunha árbore do Lérez no Vº encontro de arte e natureza 2017 en Pontevedra, coordinado por Carme Hermo e Antón Sobral. E antes en Lugo.


Agora ben de triunfar en ArtMadrid...



No hay comentarios:

Publicar un comentario